O CONCELLO DE TORDOIA ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN NAS ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS
Ofertaranse actividades para todas as idades, que se desenvolverán nas distintas parroquias do municipio ata o vindeiro mes de maio
28 de setembro 2011.- O Concello de Tordoia vén de convocar as escolas deportivas municipais para a tempada 2011-2012, que están abertas a todas as idades e terán lugar dende o vindeiro luns 3 de outubro ata o 31 de maio de 2012. Unha oferta que inclúe patinaxe, pilates, judo, música, aeróbic e step, xogos predeportivos e ximnasia de mantemento.
As actividades máis demandadas polos veciños e veciñas de Tordoia son a ximnasia de mantemento e o aeróbic-step. Por iso, as clases de ximnasia de mantemento teñen lugar en varios puntos do municipio, concretamente nas parroquias de Castenda, Pontraga e Anxeriz. No caso do aeróbic e do step, esta modalidade pode practicarse no polideportivo de Cabaleiros e en Anxeriz.
As actividades para os máis pequenos terán lugar nas instalacións do colexio Pecalama (Cabaleiros) nas tardes dos venres e inclúen música, xogos predeportivos e judo. Ademais, a partir de xaneiro comezará a impartirse tamén un curso de pilates, que se celebrará todos os xoves, de 21:00 a 22:00 horas, no polideportivo de Cabaleiros.
Aínda que as clases comezarán a impartirse o vindeiro luns 3 de outubro, o prazo de inscrición permanecerá aberto durante todo o mes de outubro. O prezo anual será de 35 euros (para menores de 17 anos e maiores de 65 anos) e de 60 euros (para veciños entre 18 e 65 anos). O Concello de Tordoia establecerá tamén bonificacións para familias numerosas e persoas con minusvalía.
Para anotarse, só é preciso cubrir unha folla de inscrición e entregala na Casa do Concello, na Casa da Cultura ou directamente ao monitor da actividade na que o veciño queira participar. O Concello de Tordoia ofrece tamén a posibilidade de aboar as taxas en dúas cuotas, a satisfacer nos cinco primeiros días hábiles de novembro e nos cinco primeiros días hábiles de febreiro. No caso de optar por un único pago, deberá formalizarse en novembro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario