Documental político, cinema do oeste e un dos cumios cinematográficos dos anos noventa conflúen na variada proposta da semana en NUMAX. O
venres 11 de marzo viviremos a estrea de
Informe general II, último filme de
Pere Portabella, un dos cineastas máis relevantes da historia do cinema independente no Estado español. Nesta obra asistimos a diversos encontros con intelectuais e activistas sociais para debater arredor de aspectos estruturais do actual paradigma político: cambio climático, renda básica universal, reparto do traballo, etc. A nova aposta do cineasta catalán polo cinema como espazo para a reflexión ideolóxica reúne a pensadores e políticos coma
Toni Negri,
Quim Arrufat,
Íñigo Errejón,
David Fernàndez ou
Carme Forcadell, para defender a función da cultura como un lugar privilexiado desde o que interrogar o presente.
O propio
venres día 11 chega a NUMAX
Bone Tomahawk, sorprendente debut cinematográfico do novelista e músico norteamericano
S. Craig Zahler. Neste western de baixo orzamento,
Kurt Russell interpreta a un shériff desconfiado que apresa a un forasteiro pola súa sospeitosa conduta. A súa fuxida da prisión cunha muller da localidade desencadea unha vibrante persecución pola árida paisaxe californiana. A medio camiño entre o clásico western das misións de rescate ao xeito de
Centauros del desierto e o cinema de terror dos oitenta, a suxestiva proposta de Craig Zahler vén de triunfar en Sitges 2015, onde obtivo o premio á mellor dirección e da crítica especializada.
Xa o
mércores 16 de marzo, dentro da sección
Repertorio, recuperamos un título esencial do cinema de autor da década dos noventa. Referímonos a
Tres cores: Azul, filme que abre a triloxía de
Krzysztof Kieslowski que toma como
leitmotiv as cores da bandeira francesa: azul, branco e vermello. En
Azulasistimos a unha novidosa aproximación ao concepto de liberdade, a través da historia de Julie, interpretada por unha inmensa
Juliette Binoche, que tras perder a súa familia nun accidente de automóbil retrae a súa conduta, permanecendo nun estado de illamento e carencia de emocións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario