Unidade Veciñal de Dodro - Abandono do pleno en protesta pola falta de respeto do alcalde

O concello de Dodro convocounos este martes 15 de outubro a un pleno extraordinario que se celebrou onte mércores 16 ás 8:00 da mañá. A convocatoria foi feita moi cerca das 15:00 horas, isto conleva unha dificultade para recoller a documentación deste pleno e poder realizar a nosa labor de oposición. Tanto é así, que o noso voceiro tivo a documentación no momento de comezar o pleno, nun CD.

Este era un pleno importante, no que se ía decidir os investimentos de obras do concello no ano 2016, pero o alcalde só se preocupou de poñer trabas á oposición.
Parécenos vergoñenta a forma de actuar do alcalde e do grupo de goberno do Partido Popular. Isto xa non é a primeira vez que sucede, xa que o alcalde nos ten acostumados a esta forma de gobernar a golpe de improvisación e á última hora.

A oposición recriminoulle ao alcalde o sucedido, mentres el mostrou durante o pleno unha actitude de desprezo sen sequera facer caso ao que se estaba expoñendo.

Dende a Unidade Veciñal de Dodro cremos que isto só pode atender a dúas explicacións.

Convocatoria feita o día previo
a celebración do pleno
- A primeira é que o alcalde trata de entorpecer ao máximo posible a labor da oposición, dificultando en todo o que pode que a información chegue aos veciños e poder ocultar a súa mala xestión.

- A segunda é unha completa incompetencia á hora de xestionar o concello, que leva a que as decisións se tomen a última hora e os prazos se esgoten ata o final poñendo en risco os investimentos e os dereitos dos veciños de Dodro. Hai que ter en conta que o prazo para a presentación remata o día 18 de decembro.

Todo isto chega despois de agardar durante un mes a que o alcalde convoque novamente para o pleno ordinario que el mesmo suspendeu innecesariamente. Neste pleno tamén se ían tratar temas importantes para os veciños, pero parece que o alcalde non quere problemas en periodo electoral e trata de facer a súa propia propaganda.

Ante a falta de respeto do alcalde cara a oposición e a non permitirnos exercer os nosos dereitos como oposición, os membros da Unidade Veciñal de Dodro decidimos levantarnos e abandonar o pleno en sinal de protesta.

Ningún comentario: