Psoe Tordoia - O concello utiliza cartos públicos en obras particulares

O PSOE de Tordoia denuncia que o Concello volve a utilizar cartos públicos para a realización de obras de particulares e en propiedades privadas do municipio. Se meses antes das pasadas eleccións municipais se fixeron obras en fincas privadas do lugar de Tarroeira, neste mes de novembro trece camións dunha coñecida empresa construtora fixeron o propio no lugar de Saboy, ambas localidades da parroquia de Castenda.

O voceiro municipal do PSOE de Tordoia, Carlos García, denuncia que “cada vez que se achegan unhas eleccións, o señor alcalde envía as hormigoneras a repartir formigón para obras particulares. Xa o fixo en Tarroeira o pasado mes de maio e agora que se achegan as eleccións xerais, o señor Pereiro volve tirar de formigón na busca de réditos electorais a costa de cartos públicos”. García non culpa en ningún momento aos veciños, “pois aquí o máximo responsable é o señor alcalde, que mesmo lles di aos veciños que se non o queren, pois envía os camións a outra aldea”.

Tras comprobar que as súas queixas non foron atendidas en ningún momento polo Goberno do PP de Tordoia, os socialistas anuncian que “poremos en coñecemento tanto do Ministerio Fiscal como da Unidade de Delitos Económicos e Fiscais (UDEF) da Policía Nacional a trama organizada en Tordoia, onde todas as obras se trocean para así poder aprobalas en Comisión de Goberno, onde só está representado o PP, e así adxudicar a unha única empresa case todas as obras que se fan no municipio a cambio de facer gratis estas obras privadas”. 

Incremento da débeda
Unha situación totalmente ilegal e irregular, pois a lei prohíbe expresamente fragmentar unha obra en varios contratos coa finalidade de eludir tanto o trámite plenario, no que hai que dar conta á oposición municipal, como procedementos de contratación abertos e transparentes, nos que todas as empresas teñan a oportunidade de poxar pola obra, o que adoita supoñer importantes aforros para as arcas municipais. 

Pola contra, “cos seus métodos de contratación o Concello de Tordoia non fai máis ca elevar a débeda municipal a rexistros nunca coñecidos nun concello de menos de 5.000 habitantes: case 2,1 millóns de euros”. Todo elo dirixido dende unha Comisión de Goberno “onde só hai concelleiros do PP e dende alí adxudicarllas sempre á mesma empresa, que é a que aparece antes das eleccións repartindo formigón nas eiras dos veciños e que calquera veciño de Tordoia ao que se lle pregunte recoñecerá que se leva facendo dende hai moitos anos e que a Xustiza non está actuando”.

Ningún comentario: