Silleda - Sobre o proxecto de velatorio

O alcalde de Silleda lembra que o proxecto do velatorio estivo a exposición pública e que a instalación conta coa autorización da Xunta

-Manuel Cuiña mantivo hai varios meses unha xuntanza cos propietarios do edificio onde se ubicará a instalación e advirte que “a día de hoxe ninguén me solicitou un encontró por esta iniciativa que se tramitou do mesmo xeito que outros expedientes”, engade

O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña Fernández, logo da publicación da creación dunha plataforma contraria á instalación dun velatorio nun baixo da rúa Carballeira do Chousiño, lembra que o proxecto estivo en exposición pública, como é preceptivo, “e polo tanto as persoas afectadas tiveron a oportunidade de consultalo, co que non teñen sentido as acusacións de ocultismo do expediente”, engade.

A solicitude para a instalación deste velatorio foi presentada no Concello en xaneiro, e no mes de febrero entregouse o proxecto solicitando, con informes previos pertinentes licenza municipal para o acondicionamento interior do local e permiso de actividade.

A tramitación incluiu a exposición ao público durante 15 días, logo do preceptivo anuncio no BOP do 23 de abril. 

Durante este periodo presentáronse 5 alegacións: 3 de particulares, unha dunha comunidade de propietarios e unha da asociación Cova Crea. 

Tamén se solicitaron informes sectoriais e o proxecto básico, foi informado dende o Concello. As alegacións e o expediente remitíronse á Consellería de Sanidade que o pasado 8 de agosto emitiu un informe favorable sobre o mesmo.

“A Xunta de Goberno Local á vista dos trámites e da autorización de Sanidade outorgou o día 19 de agosto a licenza socilitada”, lembra o alcalde. 

Reunión cos propietarios do edificio

Cuíña, ante as declaracións desta plataforma “da que non temos coñecemento nin sabemos por quén está formada”, lembra que hai uns meses, cando se deu a coñecer o proxecto mantivo unha reunión cordial cos propietarios e residentes no edificio.

“Dende aquela ninguén me pediu unha reunión nin nada por este asunto”, advirte o alcalde que explica que o venres entraron escritos solicitando a paralización dos traballos “e hoxe curiosamente entraron máis co mesmo formato pero en ningún caso se solicita unha reunión conmigo por esta actuación, que se tramitou ao igual que outros expedientes”, engade Cuíña.

O alcalde lamenta que a plataforma utilice os medios de comunicación para solicitar encontros en lugar de facelo polos cauces habituais.

Ningún comentario: