Tordoia - homenaxes no Día da Muller Traballadora

O CONCELLO DE TORDOIA HOMENAXEA A  CATRO DAS SÚAS VECIÑAS CON MOTIVO DO  DÍA DA MULLER TRABALLADORA 
A iniciativa promovida desde Sociais tenta poñer en valor o traballo da muller no difícil contexto sociocultural do municipio nos anos da emigración
Con gallo da celebración do Día da Muller Traballadora, o Concello de Tordoia decidiu homenaxear a catro das súas veciñas como representantes das mulleres deste municipio, que tiveron que sacar adiante a casa e a familia en situacións de grandes dificultades económicas e sociais, coincidindo cuns anos nos que boa parte dos homes de Tordoia emigraran na busca de oportunidades. Trátase de Dosinda Suárez, Francisca García, Mª Carmen Pérez e Rosa Calviño, de idades comprendidas entre os 54 e os 79 anos. 

Todas elas teñen unha historia particular pero cun perfil común: mulleres fortes e decididas, que desde moi novas tiveron que facer fronte ao cuidado de fillos e maiores e ao traballo do campo, moitas veces sen axudas e sen queixas. “Nun día coma hoxe lembramos a estas mulleres, e a todas as veciñas que pasaron por unha situación similar a que lle fixeron fronte con moita forza de vontade, mentres os homes víanse na obriga de emigrar a Suiza, Holanda ou Venezuela. Algúns regresaban, outros non, pero todos deixaban tras de sí mulleres coma as que hoxe lle rendemos homenaxe”, explicaba o alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro. 

Con esta homenaxe o concello traballa nunha sociedade máis xusta e máis igualitaria, na que todos sexas conscientes do traballo desenvolvido polas mulleres, tendo en conta a situación socioeconómica da muller do rural e no contexto propio do concello de Tordoia. 

As catro homenaxeadas comparten, ademais, moitos rasgos biográficos comúns. Casadas moi novas, toda elas fixéronse cargo de persoas maiores con graves problemas de saude, ademáis de fillos, gando e leiras. “Se miras agora, isto non é crise, con menos sacamos nós adiante fillos, sogros e casa”, aseguran ao tempo que afirman que o que pasaron “marca carácter”, pero que non cambiarían a súa vida de sacrificio por nada do mundo, ao tempo que ensinan con orgullo as fotos de netos e biznetos.

Datos personais
Dosinda Suárez Gómez (Anxeriz, 1943). Casou con 18 anos, tivo 7 fillos. Quedou viuva moi nova polo que tivo que botar adiante coas leiras e o gando para criar aos nenos pequenos.

Francisca García González (Tordoia, 1934). Con sete anos quedou sen nai, con irmáns máis pequenos aos seu cargo. Casou aos 16 anos e tivo 7 fillos. Fíxose cargo da súa sogra e tres tíos políticos.

MªCarmen Pérez Ríos (Viladabade, 1959), casou aos 16 anos e foi vivir á casa da sogra mentres o marido emigraba a Suiza durante 23 anos. Fíxose cargo da nai con Alzheimer durante 16 anos, unha tía e a sogra. Ten dous fillos.

Rosa Calviño Pereiro (Bardaos, 1947), con 7 anos tivo que sacar adiante e en solitario a casa e a nai tetrapléjica durante 40 anos. Casou aos 25 anos, o home marchou a emigración. 

Ningún comentario: