Teo - simulacro nas escolas infantís (fotos no interior)


AS ESCOLAS INFANTÍS MUNICIPAIS DA RAMALLOSA E DE CALO SUPERAN CON ÉXITO UN SIMULACRO DE EVACUACIÓN POR EMERXENCIA

O desaloxo, supervisado por Protección Civil de Teo, serviu para avaliar o grao de cumprimento dos protocolos de seguridade 
· Persoal e nenos saíron dos centros con rapidez e orde, sen que se constatase ningún obstáculo relevante en caso de emerxencia real

 As Escolas Infantís Municipais da Ramallosa e de Calo efectuaron esta mañá con resultados satisfactorios cadanseu simulacro de evacuación dos centros, nunha operación supervisada polo servizo de Protección Civil de Teo para avaliar o grao de cumprimento dos protocolos de seguirade e determinar posibles melloras para afrontar con éxito unha situación de emerxencia real.

O concelleiro de Benestar Social, Igualdade e Participación Veciñal, Ignacio Iglesias, presenciou os dous simulacros e destacou que tanto as instalacións como os seus profesionais están perfectamente preparados para calquera situación de risco.

A primeira operación tivo lugar na escola infantil da Ramallosa. Partindo dun suposto incendio na cociña do centro, activouse a alarma e en menos de tres minutos todos os cativos estaban a resgardo, no patio de xogos contiguo ao edificio. O deseño do centro e a disposición das aulas, todas do lado do patio e con acceso individual a el, facilitou a rapidez da evacuación. Ademais, as profesionais cumpriron de forma estricta as pautas de actuación que se deben seguir nestes casos, de maneira que os cativos saíron de forma ordenada e sen riscos. Os do tramo de cero a un anos foron evacuados nun mesmo berce con rodas, e os demais saíron polo seu pé, formando unha ringleira e co persoal vixiando que ningún quedase dentro.

Na escola infantil municipal de Calo, o suposto e os resultados foron moi semellantes. En tres minutos todos os cativos estaban fóra do centro e en cinco xa se ubicaron no punto de encontro exterior ao recinto establecido no protocolo. Neste caso, dúas das aulas saen pola porta principal e as outras dúas polo portal traseiro do patio, co obxectivo de buscar sempre o traxecto máis seguro e de menor percorrido. O alumnado respondeu tamén con tranquilidade, seguindo as instruccións do persoal.

Unha vez rematado cada ensaio, os efectivos de Protección Civil e as profesionais destas dúas escolas infantís municipais comentaron o seu desenvolvemento, co propósito de aclarar posibles dúbidas que surxisen. Determinaron que en ningún dos casos existen obstáculos para afrontar correctamente unha situación real de emerxencia, seguindo os protocolos establecidos. 




Ningún comentario: