Brión – prazo de solicitudes para recoñecemento de competencias profesionáis

BRIÓN ABRE O PRAZO DE SOLICITUDES PARA O RECOÑECEMENTO DE COMPETENCIAS PROFESIONAIS ADQUIRIDAS A TRAVÉS DA EXPERIENCIA PROFESIONAL

O prazo de inscrición nas 17 modalidades ofertadas remata o vindeiro 15 de febreiro

20 de xaneiro de 2012.- O Concello de Brión informa da apertura do prazo de presentación de solicitudes para inscribirse na segunda convocatoria do recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral. Unha convocatoria que realiza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación.

Nesta convocatoria, acreditaranse un total de 17 modalidades: xestión administrativa, instalacións elécticas e automáticas, instalacións de telecomunicacións, eficiencia enerxética e enerxía solar térmica, soldadura e caldeiraría, cociña e gastronomía, servizos en restauración, xestión de aloxamentos turísticos, aceites de oliva e viños, carpintaría e moble, laboratorio de análise e control de calidade, emerxencias sanitarias, farmacia e parafarmacia, educación infantil, confección e moda e electromecánica de vehículos automóviles.

As persoas que desexen solicitar o recoñecemento dalgunha destas competencias profesionais deberán dirixirse á Casa da Cultura (981 509 908). O prazo de inscrición remata o vindeiro 15 de febreiro. Para presentar a solicitude será preciso encher unha folla de inscrición, presentar un historial persoal de acordo co modelo currículum vitae europeo, informe de vida laboral, declaración responsable de non estar matriculado ou cursando un curso de FP e unha fotocopia compulsada do contrato de traballo ou certificación da empresa onde adquirise a experiencia laboral.

Ningún comentario: