AMES - ANTROIDO


O Entroido volve a Ames con música e moita diversión
Un ano máis Ames prepárase para recibir o Entroido, a festa que permite a todo o mundo cambiar de identidade por un día e deixar voar a súa imaxinación. Este sábado Bertamiráns e O Milladoiro celebrarán o comezo destas datas con festa e reparto de cestas. A Praza de Chavián en Bertamiráns e a de Manuel Murguía no Milladoiro acollerán música, animación, chourizos e moitas orellas e filloas. As celebracións comezan pola tarde, entre as 17:00 h. e as 18:00 horas. Ademais, o venres ás 20:30 horas, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o concerto de Entroido da Escola Municipal de Ames, nas que os rapaces e rapazas interpretarán unha serie de pezas de piano, guitarra e outros instrumentos disfrazados.
O Entroido é unha festa con amplo arraigo en Galicia na que a imaxinación voa completamente libre e todo o mundo pode por uns días vivir unha identidade por completo diferente á súa propia. Ames prepárase un ano máis para recibir estas datas con moita festa e un programa completo de actividades coas que gozar destas celebracións. O sábado comezan oficialmente estas datas cunha tarde de festa, disfraces e produtos propios desta celebración como as filloas ou as orellas en Bertamiráns e O Milladoiro, pero o venres xa terá arrincado o Entroido co tradicional concerto a cargo dos rapaces e as rapazas da Escola Municipal de Música de Ames.
Os alumnos e alumnas da EMMA interpretarán un total de 18 pezas de varios estilos musicais en piano, guitarra, violín, frauta, saxofón e percusión, ademais de canto. Ademais, os alumnos de Linguaxe Musical de Bertamiráns e O Milladoiro tamén participarán interpretando para o público tres destas pezas, así coma os alumnos de Música e Movemento, dando comezo ao concerto coa súa interpretación en grupo. Co seu concerto de Entroido, que é xa unha tradición en Ames, a EMMA tentará dar comezo a estas datas cun anaco agradábel de música variada, facendo posible un ameno comezo das festas para a veciñanza. A cita será este venres, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.
O día grande do Entroido amiense será o sábado. A Praza de Manuel Murguía do Milladoiro e a de Chavián en Bertamiráns acollerán pola tarde cadansúa festa ás que están convidados todos os veciños e veciñas para que asistan ataviados cos seus disfraces e pasen unhas horas divertíndose. A partir das 17:00 horas as charangas recorrerán e animarán co seu bo humor as rúas das dúas localidades. Máis tarde, a partir das 17:30 horas, nas carpas das prazas haberá animación para que os máis pequenos participen da festa.
Ás 18:00 horas poderanse mercar os tickets que por 2 euros dan dereito a unha orella, unha bebida, unha filloa doce e outra con chourizo. Cada ticket levará un número co que a persoa posuidora participará no sorteo de varias cestas de Entroido con produtos como unha botella de viño, unha botella de caña, chourizos e mel. Haberá tamén un concurso no que poderán participar todos os rapaces e rapazas que acudan cos seus disfraces, e no que se sorteará unha cesta infantil ateigada de larpeiradas. Así mesmo, a comparsa da Biblioteca Municipal tamén participará na festa, cantando e divertindo aos asistentes, ademais de sorprendelos sen dúbida cos seus disfraces e o espectáculo preparado para ese día. Con todos estes espectáculos e festas o Entroido volve un ano máis a Ames cargado de actividades.

Ningún comentario: