A Sección 2ª da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestima o recurso de apelación interposto polo alcalde de Trazo, Xosé Dafonte, contra a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo Número 4 da Coruña que o pasado mes de setembro de 2015 denunciaba a actitude obstruccionista do alcalde á actividade da voceira do PSOE de Trazo, Beatriz Domínguez, no exercicio das súas funcións públicas. O TSXG confirma que se vulnerou o dereito fundamental da concelleira ao exercicio das súas funcións no Concello de Trazo.
Beatriz Domínguez indica que esta sentenza, contra a que non cabe recurso, “confirma o que os socialistas levamos anos advertindo: que dende o Concello de Trazo se está actuando de mala fe co único obxectivo de entorpecer o noso labor como oposición, cando somos os lexítimos representantes escollidos polo pobo de Trazo”. Unha situación que obrigou aos Socialistas de Trazo a ter que solicitar o amparo do Valedor do Pobo en varias ocasións ao longo dos últimos anos.
Ademais, os socialistas lembran que o Concello de Trazo está tamén a demorar a entrega das actas das Xuntas de Goberno Local. Esta situación é especialmente grave nun municipio como Trazo, no que só hai un máximo de catro sesións plenarias ordinarias cada ano polo que o traballo dos grupos da oposición baséase case exclusivamente na fiscalización e revisión das actas das Xuntas de Goberno, ás que só asisten os concelleiros do Partido Popular. “Enviar as actas cunha demora de entre 3 ou 4 meses non só incumpre a Lei, que establece un prazo máximo de 10 días, senón que demostra o medo que o señor Dafonte lle ten á transparencia e a que os veciños coñezan a súa pésima xestión á fronte do Concello”.
Imposición de costas
A setenza do TSXG especifica que “cabe compartir el criterio de la sentencia apelada relativo a que la impugnada actuación municipal provocó la lesión del derecho fundamental invocado por la demandante en la instancia, procediento por tanto la desestimación del presente recurso de apelación”, así como a imposición das costas sufridas en segunda instancia pola concelleira socialista.
A sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo Número 4 da Coruña declaraba que o alcalde de Trazo “ha lesionado el derecho fundamental de la recurrente a la participación en asuntos públicos, al impedirle el acceso a la documentación solicitada” e mesmo denunciaba que o alcalde actuaba “aparentando legalidad” pero demorando o accso á información “de forma que no puedan informarse y mantener informados a los ciudadanos del trabajo que se desarrolla en la Alcaldía. Esto es: coartando el ejercicio de sus funciones como concejales”.
A documentación solicitada polos socialistas consistía nas alegacións formuladas por veciños, entidades, partidos políticos e Administración ao documento de aprobación inicial do PXOM de Trazo, así como o expediente completo de contratación de asistencia técnica ao Concello no proceso de exposición pública do PXOM, un expediente pola anulación dunha taxa municipal e unha subvención que se lle deu por decreto do alcalde a unha sociedade de caza. Unha petición máis que xustificada en Trazo, onde os erros cometidos polo alcalde fixeron que os documentos do PXOM que se expuxeron ao público en setembro de 2014 non se corresponderan cos aprobados inicialmente polo Pleno Municipal de xullo do mesmo ano. Daquela, a rápida actuación dos socialistas de Trazo, advertindo das irregularidades aos técnicso do Concello, evitaron unha nova demora nun Plan Xeral que xa acumula case unha década de atrasos por mor da deixadez e incompetencia do alcalde Xosé Dafonte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario