Psoe Trazo - O alcalde presume dunha sentencia que recoñece que actuou de forma ilegal

Ante as acusacións realizadas polo alcalde de Trazo, Xosé Dafonte, contra os concelleiros socialistas por mor da sentenza da sala do penal do Tribunal Supremo, a Agrupación Socialista de Trazo quere manifestar:

- A Agrupación Socialista de Trazo acata a sentenza xudicial e amosa a súa sorpresa por que Dafonte presuma publicamente dun procedemento xudicial onde tanto a Audiencia Provincial da Coruña como o propio Tribunal Supremo consideran probado que o alcalde de Trazo cometeu unha ilegalidade manifesta: o pago dunha obra que non estaba feita. 

- Ambas sentencias xudiciais sinalan que a absolución do señor Dafonte nada ten que ver coa súa inocencia, pois consideran feitos probados que o alcalde de Trazo actuou de forma ilegal. Textualmente, a absolución baséase en “deficiencias de la instrución que hubieran podido dar entrada a potenciales elementos indiciarios”. Dito noutras palabras, a absolución de Dafonte provén dun erro da Fiscalía á hora de cualificar o ilícito penal: pois o acusou de falsidade documental cando a denuncia inicial era por malversación e falsidade documental. De feito, ambas sentenzas apuntan que o alcalde de Trazo podería ter cometido unha malversación de caudais públicos, pero para poder condenalo por este delito sería preciso que o fiscal tivera cualificado os feitos desta maneira. Unha cualificación que si fixo o PSOE de Trazo na súa denuncia inicial, pero que a Fiscalía decidiu obviar na tramitación da causa.

- O que é indiscutible, e así o ten confirmado a Xustiza, é que de non ser pola denuncia dos Socialistas de Trazo non se tería construído o graderío de Campo. Neste sentido, os socialistas lembran que o alcalde aínda non respondeu nin diante do xuíz nin diante dos veciños e veciñas de Trazo por que pagou unha obra que non estaba feita e a onde ían ir eses cartos. 

- Os Socialistas de Trazo non admitimos leccións de ética de alguén que presume de non ter sido condenado cando o propio Tribunal recoñece que actuou de forma ilegal. Os Xulgados reafirmaron algo que todos os veciños e veciñas de Trazo saben: que o alcalde utiliza o Concello como se fose a súa leira particular, utilizando de forma irregular os cartos de toda a veciñanza. 

- Os Socialistas de Trazo seguiremos desempeñando o noso labor de oposición, tal e como nos teñen encomendado os veciños e veciñas de Trazo co seu voto, para que as actuacións do alcalde respondan a criterios de legalidade. E farémolo a pesar das trabas e continuas irregularidades que comete o señor Dafonte para dificultar o noso traballo, como son non entregar as actas da Xunta de Goberno (á que non ten acceso a oposición e que son a única forma de coñecer o que se decide nelas) ou impedir o acceso á documentación municipal por parte dos concelleiros e concelleiras socialistas. Un labor que hoxe é máis necesario ca nunca, sobre todo cando a Xustiza ten acreditado que Trazo conta cun alcalde que, despois de máis de dúas décadas no cargo, afirma ante o xuíz que non sabe que as facturas deben pagarse despois de que as obras estean feitas.

- Por último, a Agrupación Socialista de Trazo respalda a actuación realizada polos seus concelleiros do grupo municipal socialista de Trazo e aplaude o traballo que realizan a prol dos veciños e veciñas do municipio.

Ningún comentario: