A intervención ‘Lo real’ que podemos ver actualmente na Zona C, pecha este domingo 1 de febreiro. Está aberta ao público de 16.30 a 20.30h. María Castellanos propón a intervención ‘Lo real’, especificamente pensada para a Zona C, como resultado de ter gañado o segundo premio Auditorio de Galicia para novos artistas na convocatoria de 2013.
María investiga acerca da percepción e as carencias sensoriais humanas, máis en concreto acerca da visión do ollo humano en contraposición ao ollo mecanizado, ao monitor e á cámara de vídeo.
María Castellanos Vicente (Xixón, 1985), indaga acerca da percepción. Para iso utiliza luz infravermella. A luz infravermella é imperceptible para o ollo humano, con todo, pódese ver a través da cámara de vídeo.
Formalmente Lo real trátase dunha instalación na que nos atopamos unha parede chea de espellos aparentemente normais. Con todo ao ver os espellos a través do monitor, situado no centro da sala, atopámonos con que unha cita escrita do filósofo francés Jean Baudrillard: ‘O real xa non é aquilo que se pode reproducir, senón o reproducido’.
A frase só se pode ver a través do monitor, que reproduce a tempo real o que unha cámara situada na sala está a capturar. A incongruencia entre a imaxe ‘real’ e a ‘reproducida’ no monitor fai pensar ao espectador que está a ser enganado, isto é posible grazas a que na instalación utilízase luz infravermella. A luz infravermella non é visible para o ollo humano, pero a podemos ver a través dunha cámara de vídeo. Entón nos preguntamos Que é o real?
A investigación acerca dos infravermellos e a percepción humana é unha vía de traballo aberta na práctica artística de María Castellanos e nela continúa traballando actualmente. Recentemente realizou traballos como Corpo-Realidade, un proxecto producido grazas ao Premio Astragal 2012 e para a que a artista elabora dous traxes de percepción co fin de realizar unha acción monotorizada na que a visión real do espectador non coincida coa visión en tempo real do monitor. O monitor transmitía as imaxes que captaban unhas cámaras de vídeo sensibles á luz infravermella.
María Castellanos Vicente é artista e investigadora. Licenciada en belas artes pola Universidade de Vigo, onde actualmente está a realizar a súa tese La piel biónica. Membranas tecnológicas como interfaces corporales en la práctica artística. No seu traballo investiga liñas como a percepción, a relación entre o tecido epitelial e o téxtil ou as carencias sensoriais humanas e como suplilas mediante ferramentas tecnolóxicas. A súa obra foi seleccionada en numerosos certames e obtivo diferentes galardóns entre os que destacan o 2º Premio do Auditorio de Galicia para novos artistas 2013, o premio Tentaciones 2011 - Feira Estampa, Madrid, Premio Astragal 2013 ou o premio Artista Revelación do Principado de Asturias en 2008. Participou nun gran número de exposicións, nacionais e internacionais, estando presente en países como Portugal, Arxentina, Colombia, Australia e Xapón. Entre as mostras máis recentes encóntranse Eidos dá Imaxe no museo MARCO de Vigo, Geo Políticas en LABoral Centro de Arte de Gijón e corpo-realidad en CS-LAB da Zokei Unicersity Tokyo. (www.mariacastellanos.net)

Ningún comentario:
Publicar un comentario