Oroso - O concello aproba as reivindicacións dos pais do CEIP de Sigüeiro

O Concello de Oroso apoia as mobilizacións dos pais e nais do CEIP de Sigüeiro, que demandan dous centros cos mesmos servizos
O concelleiro de Ensino, Antonio Leira, explica que “non é só o servizo de comedor, onde as diferenzas entre as familias serían abismais, senón que é un problema de calidade no ensino”

“O Concello de Oroso vai estar sempre a carón dos pais e nais do CEIP de Oroso, apoiando as súas reivindicacións dun ensino de calidade e de que Oroso conte con dous centros escolares cos mesmos servizos”. Son palabras do concelleiro de Ensino, Antonio Leira, que hoxe encabezou unha delegación do Concello de Oroso que participou na concentración e manifestación celebrada esta mañá pola ANPA A Nosa Escola fronte as instalacións do actual colexio de Sigüeiro. Unha concentración na que estivo acompañado polos concelleiros de Muller, María del Carmen Liste; e de Vías e Obras, Eduardo Veiras; así como concelleiros do resto de grupos municipais orosáns.

Antonio Leira explica que “aínda que é unha cuestión moi importante, o problema non radica unicamente en que a Xunta non queira poñer servizo de comedor no novo colexio. Estamos falando dun problema global de calidade no ensino de Oroso para os vindeiros anos. Estamos moi satisfeitos por poder contar cunhas novas instalacións educativas pero o que non podemos ter é dous centros públicos que ofrezan servizos diferentes pois iso suporía un agravio para as familias que teñan que levar aos seus fillos a un centro ou a outro”. 

Leira Piñeiro apunta que “a tres meses da súa apertura, o novo centro non ten asignado profesorado ningún e o que se di é que van desdobrar o profesorado actual. Unha solución coa que teríamos máis espazos, pero o número de alumnos por aula sería exactamente o mesmo”. Así, a ratio de alumnos por aula seguiría sendo de 25 nenos/as que, tendo en conta o crecemento que está a experimentar Oroso nos últimos anos, seguirá incrementándose co tempo. “O que pedimos é un ensino de calidade e para iso os dous centros teñen que ser iguais e contar con profesores, transporte e comedor”, conclúe Leira Piñeiro, quen adianta que “dende o Concello seguiremos cumprindo coas nosas obrigas no novo colexio pero estaremos sempre a carón dos veciños na defensa dun ensino de calidade”.

Ningún comentario: