Actividades gratuítas para os máis pequenos por mercar no comercio de Santiago de Compostela
Dentro do programa de Nadal da Concellería de Comercio, comezaron as actividades no Recuncho de Papá Noel. Instalado na Alameda de Santiago, acollerá ata o 24 de decembro un espazo lúdico para os máis pequenos no que, ademais de facerlle as súas peticións a Papá Noel en persoa, poderán participar de diferentes xogos.
O acceso é gratuíto presentando un tícket de compra de calquera pequeno comercio de Santiago de Compostela dese mesmo día. Aqueles que non dispoñan del poden adquirir a súa entrada por 1 euro.
Entre as actividades acollidas no Recuncho de Papá Noel están unha gardería inchable, Arte que xira, a Cabana de maquillaxe, a Piscina de pingüíns, Muxe a rena, High Striker, Attack, Cotton Candy ou Sli Bizzard. Xunto a elas atópase a Money Machine, unha máquina onde voan boletos con premios adquiridos ou doados polo pequeno comercio compostelán e cheques desconto nas súas tendas. Cada participante gaña os premios dos boletos que apañe. Despois do día 25 de decembro, a Money Machine trasladarase á pista de xeo da Alameda.
Outras actividades
Esta fin de semana, o Tren das Compras percorre de novo as principais rúas comerciais da cidade. As saídas son ás 11:00, 12:00, 13:00, 17:30, 18:30 e 19:30 horas desde o Instituto Rosalía de Castro, pasando pola praza Roxa e polo CGAC.
Papá Noel tamén percorrerá a cidade en sidecar este sábado 21, parando en diferentes puntos da cidade como a praza de Abastos, a Alameda ou a praza Roxa. A exposición-espectáculo Ver para crer, do Mago Romarís, pode visitarse no Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.
A pista de xeo continúa sendo a estrela da programación do Nadal. Abre para todos os públicos en horario de mañá e tarde. Pero ademais, os venres e os sábados, a pista acolle sesións nocturna, con música e luces, dende as 23:00 ata as 2:00 horas.
O folleto co programa completo das actividades de #nadalamos pode xa recollerse na Oficina de Información Turística e nos comercios da cidade. Ademais, tanto na páxina de Facebook, Facebook como na conta de Twitter, ofrecese diariamente información sobre as actividades. Igualmente convídase a todos a empregar o hashtag #nadalamos para compartir o Nadal compostelán.
Concurso de Beléns
Composteláns e compostelás están xa a participar activamente na selección dos gañadores do III Concurso de Beléns e Ambientación de Nadal, elixindo aos seus preferidos na páxina de Facebook de Nadalamos, que xa ten recibido preto de 3.000 votos. As votacións péchanse este sábado 21 e o luns 23 o Concello fará públicos os nomes dos gañadores.
Ningún comentario:
Publicar un comentario