Comite Empresa Ames - demanda de convocatoria da xunta de persoal

O Comité de Empresa e a Xunta de Persoal do Concello de Ames instan ao alcalde a que convoque de xeito urxente a Mesa Xeral de Negociación
O goberno rompeu as súas relacións cos representantes dos traballadores de xeito unilateral e esqueceu o espírito de diálogo cos traballadores anunciado ao principio da lexislatura.

Se o rexedor municipal non convoca a Mesa Xeral de Negociación a parte sindical verase na obriga de seguir acudindo á vía xudicial para defender os dereitos dos traballadores municipais.

Os representantes do persoal do Concello de Ames solicítanlle por enésima vez ao alcalde de Ames que convoque unha nova xuntanza da mesa Xeral de Negociación para tratar numerosas cuestións que xa deberían estar resoltas dende hai tempo. O goberno rompeu as súas relacións cos representantes dos traballadores, de xeito unilateral, e esqueceu o espírito de diálogo cos traballadores anunciado ao principio da lexislatura. Se o rexedor municipal non convoca a Mesa Xeral de Negociación a parte sindical verase na obriga de seguir acudindo á vía xudicial para defender os dereitos dos traballadores municipais.

O goberno municipal anulou o 28 de xaneiro de 2014 unha convocatoria de Mesa Xeral de Negociación prevista para o día 29 do mesmo mes e acordada dende o 11 de decembro de 2013. Debido a esta circunstancia dende o Comité de Empresa e a Xunta de Persoal manifestouse o total desacordo con esta arbitraria e, ao noso entender, desmotivada decisión e solicitouse a convocatoria urxente de Mesa Xeral por escrito presentando en rexistro o 28 de xaneiro de 2014.

Ante a falta de resposta por parte do goberno municipal volveuse a solicitar a convocatoria urxente de Mesa Xeral de Negociación por escrito presentando en rexistro o 11 de marzo de 2014 e o 21 de marzo de 2014. Ata o día de hoxe, a representación sindical non recibiu a convocatoria da devandita Mesa Xeral, polo que consideramos que o goberno está menosprezando e ninguneando á representación sindical e polo tanto aos propios traballadores e traballadoras do Concello de Ames.

Conforme ao artigo 34 do convenio colectivo para o persoal laboral do Concello, a representación legal dos traballadores está facultada para solicitar a convocatoria de Mesa Xeral de Negociación. A non convocatoria desa mesa implica o incumprimento reiterado do citado artigo 34 do Convenio colectivo para o persoal laboral do Concello de Ames, así como dos artigos 34.6 e 34.7 do Estatuto básico do empregado público.

Dende o Comité de Empresa e a Xunta de Persoal considérase necesaria a convocatoria urxente de Mesa Xeral de Negociación debido a urxencia dos temas pendentes de tratar e, se procede, aprobalos xa que afectan a gran maioría dos traballadores/as municipais. Entre eles, a suspensión, ata que se tome acordo de Mesa Xeral, do dereito de reserva de praza nas escolas infantís municipais para os fillos/as do persoal das devanditas escolas; o acatamento da sentenza sobre o pagamento da parte proporcional da paga extra de decembro de 2012 suprimida irregularmente ao persoal municipal; a tramitación e aprobación do acordo sobre descontos nas incapacidades laborais temporais; a regularización dos contratos do persoal do servizo municipal de comedores escolares, a elaboración dun regulamento de xestión das listas de agarda para a contratación de novo persoal, etc.

Convocatoria da asemblea anual co persoal do Concello

Ante esta situación a representación sindical convocou a asemblea anual co persoal do Concello de Ames para o mércores 21 de maio, ás 14:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, e ás 20:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, para informar da situación na que se atopan as negociacións co goberno municipal e decidir que accións se van emprender no caso de que non se convoque a devandita Mesa Xeral.

Por último, os representantes sindicais fan un chamamento ao alcalde para que exerza as funcións que lle corresponden e decida que postura adopta o goberno municipal en temas de enorme importancia como son a reserva de praza nas escolas infantís municipais para os fillos/as do persoal das devanditas escolas; a sentenza sobre o pagamento da parte proporcional da paga extra de decembro de 2012 suprimida irregularmente ao persoal municipal; e a aprobación do acordo sobre descontos nas incapacidades laborais temporais, entre outras cuestión, que levan sen resolver dende o ano 2012.

Ningún comentario: