Preto dun cento de pensionistas de Ordes acordan participar na Plataforma de Afectados polas sancións ás pensións do estranxeiro
A senadora socialista Paula Fernández explicoulles que “ninguén pode pensar que 450.000 maiores se puxeron de acordo para defraudar ao Fisco. O problema é unha mala información de Facenda”
Santiago Turiel e Antonio Becerra representarán aos pensionistas retornados do concello de Ordes na Plataforma de Afectados da Comarca de Ordes, que se constituirá o luns 21 de outubro en Oroso
O salón de plenos do Concello de Ordes quedou pequeno para acoller ao preto dun centenar de pensionistas retornados de Ordes que participaron na charla informativa sobre os impostos e as sancións que a Axencia Tributaria está a impoñer sobre as pensións do estranxeiro, organizada pola Agrupación Socialista de Ordes. Unha xuntanza na que os presentes acordaron participar na Plataforma de Afectados que se constituirá formalmente o próximo luns 21 de outubro en Sigüeiro (Oroso) e na que escolleron aos veciños Santiago Turiel Cid e Antonio Becerra Lamas, como os representantes dos afectados do municipio de Ordes na devandita plataforma.
A senadora socialista Paula Fernández Pena explicoulles aos presentes que “vós marchastes para cumprir coa vosa xente e despois de toda unha vida de traballo agora vos din que sodes uns delincuentes. É duro, porque vos tratan peor que aos delincuentes. O ano pasado houbo unha amnistía fiscal para personaxes como Bárcenas, traficantes, os da Gurtel... por que non vos deron a vós a mesma opción? Pois porque non tendes asesores fiscais e están facendo caixa con vós”. A senadora socialista sinalou que “ninguén pode pensar que 450.000 maiores se puxeron de acordo para defraudar ao Fisco. O problema é unha mala información do Ministerio de Facenda”.
Solucións
Durante algo máis de hora e media, Paula Fernández respondeu ás preguntas e dúbidas dos presentes. Así, explicoulles que “hai dous camiños para solucionar este problema e teñen que ir á par. Por unha parte, o camiño político. Iso correspóndenos a nós e faremos todo o posible no Parlamento Galego, no Parlamento Nacional e no Senado para que o Ministerio de Facenda busque solucións comúns. Pero máis importante aínda é o camiño social. Se quedades na casa e non levantades a voz no ides facer nada. Tendes que constituírvos en plataformas sociais e saír a defender os vosos dereitos”.
Sobre este camiño social, Paula Fernández explicou que se están a constituír plataformas de afectados nas distintas comarcas de Galicia: Deza, Ulla, A Estrada, Costa da Morte... Cada plataforma conta cun asesor legal que axudará aos afectados a presentar as reclamacións e resolverá calquera dúbida que eles teñan. Ademais, explicou que as plataformas non estarán politizadas, xa que estarán compostas e dirixidas polos propios afectados. “Non é o momento de bandeiras políticas. É o momento de que vos unades porque por separado estades perdidos e non faredes nada”, concluíu Paula Fernández.
“Unidos, as reclamacións serán máis baratas”, explicou o secretario xeral dos socialistas de Ordes, Xesús Pedreira, quen engadiu que “a unión fai a forza e, se estades xuntos, conseguiredes cando menos a devolución do importe das sancións e dos intereses de demora”. Paula Fernández animou aos presentes a “perder ese medo que temos a levantar a voz porque estase a atacar a un colectivo que pensan que vai calar e a pagar por vergoña. Porque nos custa protestar”.
Problema dende 2008
Durante a charla proxectouse un vídeo que recollía o debate no Senado entre Paula Fernández Pena e o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro. A senadora socialista explicou que “o ministro recoñeceu que en 2008 houbo un intercambio de información entre Axencias Tributarias de distintos países e así foi como apareceu que tiñades dous pagadores. Pero aínda que o sabían en 2008, seguiron informando mal á xente porque incluso nos borradores de Facenda non o incluían”. Neste sentido, Paula Fernández explicou que “todos tendes o mesmo problema: fostes mal informados”.
A senadora socialista tamén lamentou que “o PP vote unha cousa en Santiago e outra diferente en Madrid”, xa que a moción que presentou no Senado “é idéntica á aprobada por todos os grupos do Parlamento Galego e en moitos Concellos de Galicia, pero foi votado en contra polo Partido Popular. Incluída a ducia de senadores galegos do PP”.
Durante a xornada, varios pensionistas retornados explicaron os seus casos. Veciños que con 427 euros de pensión vense obrigados a pagar multas de case 3.000 euros, ao que hai que sumar as cantidades correspondentes aos exercicios entre 2008 e 2012. Neste sentido, Paula Fernández puxo o exemplo dunha veciña de Lalín que cobra 12.000 euros anuais e á que lle reclaman 15.000 euros.
Reunión en Oroso
A Plataforma de Afectados polas pensións do estranxeiro constituirase formalmente o próximo luns 21 de outubro, ás 20:00 horas, no centro cultural de Sigüeiro (Oroso). Un acto no que participarán Manuel Mirás, alcalde de Oroso; Carmen Gallego, deputada socialista no Parlamento de Galicia; e José María Rocha, da Plataforma de Afectados da Costa da Morte.

Ningún comentario:
Publicar un comentario