As festas celébranse entre o 26 e o 28 de setembro, cunha ampla programación complementaria de espectáculos
A tradicional Romaría de Santa Minia (Brión) presenta o seu programa festivo para os días 26, 27 e 28 de setembro. As tres xornadas de celebración, nas que se espera a chegada de milleiros de visitantes, contarán coa actuación de cinco das orquestras de máis renome do panorama musical galego, ademais dunha ampla programación complementaria de espectáculos na Carballeira de Santa Minia. Na súa contorna instalaranse as habituais pulpeiras e os postos de venda de rosquillas, velas, obxectos relixiosos ou xoguetes para os nenos, entre outros produtos.
Deste xeito, na xornada do xoves 26, o coñecido como día de ‘vésperas’, a partir do mediodía e durante a tarde actúa a Charanga Mekánica. Ás dúas da tarde está prevista a sesión vermú coa orquestra Triunfo. No serán, ás sete, terá lugar o espectáculo de Cé Orquestra Pantasma. E xa pola noite, a verbena estará protagonizada polas orquestras El Combo Dominicano e Triunfo. Na medianoite, está programado un espectáculo de fogos de artificio, coa ‘queima da fachada’ de Santa Minia.
O venres 27, día de Santa Minia, o ambiente comezará a animarse a partir das dez da mañá coa actuación dun cuarteto tradicional de gaitas. A Charanga Mekánica tomará o relevo a mediodía, e ás dúas da tarde será a orquestra Fania Blanco Show a que inicie a sesión vermú. Pola tarde, desde as cinco, o programa contempla números de animación de rúa co Cego dos Cantares e unha nova intervención da Charanga Mekánica. E ás sete actúan os Festicultores Troupe co ‘EGFA-Exército Guerrilleiro das Festas Armadas”. Da verbena nocturna do venres encárganse as orquestras Fania Blanco Show e Ceniza.
Xa o sábado 28, a charanga Os Celtas ofrecerá a súa música desde as dez da mañá. Á unha e media está previsto o Concerto da Banda de Música Municipal de Brión. Pola tarde, a primeira proposta, ás cinco e media, será o número de malabares e máxia cómica de Roi O Cagabolas’. Unha hora despois, ás seis e media, actuarán os integrantes da Escola de Baile e Pandeireta de Brión na Praza do Concello. E para pechar a tarde, as sete e media, de novo na carballeira, actúa a agrupación Brisas da Croa. A verbena nocturna estará a cargo da orquestra Tambo.
Oficios relixiosos
No que respecta á devoción pola Santa Minia, os milleiros de fieis que se acheguen durante os días da romaría terán un amplo horario de misas. Xa desde hoxe 17 de setembro, e ata o 25, celébrase a novena, todos os días ás oito da tarde, agás o domingo 22, que será ás doce do mediodía. O xoves 26, día da véspera, as misas serán ás nove da mañá, ás doce do mediodía e ás seis, sete e oito da tarde. O día 27, o principal da festa, sucederanse misas a cada hora desde as nove da mañá ata a unha do mediodía, sendo esta última a misa solemne. E pola tarde de novo misas horarias entre as cinco e as oito.
Nas seguintes datas proseguirán as misas na honra de Santa Minia: o sábado 28 ás dez da mañá e ás oito da tarde; o domingo 29 ás nove, ás once e ás doce, e ás sete da tarde; o domingo 6 de outubro ás nove e ás doce e ás sete da tarde; e o domingo 14 de outubro ás nove e ás doce e cuarto.
Por motivos de seguridade, as velas dos devotos non se depositarán na capela, senón nun local anexo á finca onde teñen lugar as misas (xusto enfronte da capela). Dende a parroquia teñen todo organizado para que se poidan prender velas nese lugar e depositar as figuriñas de cera, con formas de mans, brazos, cabezas, pernas... de acordo con aquela parte do corpo na que pidan a actuación de Santa Minia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario