A tempada de pesca para o ano 2015 na Comunidade galega comezará o vindeiro 15 de marzo e rematará o 31 de xullo, con carácter xeral. Así se establece na orde que recolle as normas de pesca nas augas continentais, que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia (DOG). Trátase dunha orde anual na que se definen as normas xerais de pesca de distintas especies ictícolas e dos demais seres vivos que habitan as augas continentais de Galicia e que é acorde aos artigos 46 e 47 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio).
Unha das novidades que destaca na orde que se publica hoxe é o aumento de cotas nos ríos Lérez e Ulla para a captura do salmón. No primeiro dos casos, o Lérez, permítese a pesca de 15 exemplares (3 máis que en 2014); mentres que no caso do Ulla increméntanse en 10 máis, polo que se permite a captura de 60 salmóns.
Salmón
O período hábil para a pesca do salmón irá dende o 1 de maio ata o 31 de xullo, pero poderá adiantarse o remate da temporada en función das cotas de captura. Nos tramos compartidos do río Eo a tempada dará comezo o 26 de abril e rematará o 15 de xullo, por acordo coas autoridades do Principado de Asturias.
A cota de captura está establecida nun exemplar por persoa e xornada, cunha dimensión mínima de 40 centímetros. Destaca a subida das cotas nos ríos Lérez e Ulla, que pasan de 12 a 15 exemplares no primeiro e de 50 a 60 no segundo. No río Mandeo os exemplares serán 5, 15 no río Masma, 8 no río Miño, e 10 no couto de Salmean. No resto dos coutos autorizados no río Eo non se establece cota anual de captura.
En relación cos engados (engado é o material que se pon no anzol para atraer á presa e que o trague) poden ser naturais autorizados como as miñocas e quisquillas, ou artificiais que son construídos imitando animais ou outros obxectos que poden ser atractivos para os peixes que se queren capturar. Estes poden ser a mosca artificial, culleriña e peixes artificiais ou semellantes. Dende o 1 de xuño ata fin da tempada os engados só poderán ter un anzol simple. Para a pesca sen morte do salmón no río Ulla autorízase unicamente a mosca artificial con anzol sen arponciño.
A pesca do reo
A tempada hábil en xeral comeza o 1 de maio e remata o 31 de xullo. A tempada prorrógase nas seguintes masas de auga:
- Coutos de Celeiro (lotes 2 e 3), Noia, Noval, Ombre, Padrón, Ponte do Porto, Ribeiras, Segade, Traba, Viveiro (lotes 2 e 3), e Xubia: a tempada rematará o 30 de setembro.
- Coutos de Betanzos e Lambre: ata o 15 de setembro.
- Coutos de Monteporreiro, Ponte Arnelas, Ximonde, Santeles e Sinde entre o 1 de agosto e o 30 de setembro só permitirase a modalidade de pesca sen morte.
Sobre os engados, nos caso dos artificiais permítense os mesmos que no caso do salmón ao que se suma o risco. No que respecta aos engados naturais, permítense todos agás todo tipo de ovas de peixes e o peixe natural, e nas augas salmoneiras non se permiten os cebos naturais agás os autorizados para a pesca do salmón nos seus coutos.
Captura da troita
Para esta especie a tempada comezará o 15 de marzo e rematará o 31 de xullo. Nos coutos conveniados prolongarase ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte, e nas augas salmoneiras, nas de reo ou nas de montaña non empezará a tempada ata o 1 de maio.
Por norma xeral establécese a posibilidade de capturar 10 exemplares ao día e por persoa cunha talla mínima de 19 centímetros, e os engados son os mesmos que os da tempada pasada.
Na normativa que publica hoxe o DOG tamén se aclaran as condicións da captura das seguintes especies: como cangrexo vermello americano, cangrexo sinal,e os ciprínidos, que manteñen o mesmo réxime que o da anterior tempada, co excepción de que no caso dos ciprínidos se limita a un máximo de dous anzois por cana con carácter xeral para os encoros nos que se autoriza a pesca todo o ano.
Xornadas hábiles
Tal e como se recolle na normativa, con carácter xeral decláranse os luns como inhábiles para a pesca, agás festivos nacionais ou autonómicos. Os xoves non festivos da tempada hábil só se poderá pescar na modalidade de pesca sen morte en todas as masas de auga.
En relación coas horas, só se poderá practicar a pesca no período comprendido entre unha hora antes da saída do sol e unha hora despois da posta. As horas serán as establecidas na páxina web de MeteoGalicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario