A familia do pintor Modesto Paz Camps entregaron dous cadros ao Concello de Teo como mostra da forte vinculación entre a familia e este municipio. A relación do artista con Teo vén da súa xuventude cando seus pais eran mestres en Bamonde e pódese apreciar na súa obra, con moitas referencias a toda a zona do Val do Ulla e moi especialmente a elementos do propio municipio teense.
Na Casa do Concello de Teo hai unha mostra de cadros de Paz Camps e a familia quería facer entrega de dúas obras para o fondo do Concello de Teo. Esta mañá os irmáns María Ángeles, Mercedes e Adolfo Paz Camps fixéronlle entrega dos dous cadros ao alcalde de Teo, Martiño Noriega e á concelleira de Cultura, Carme Hermida.
As obras elexidas foron unha imaxe da ponte de Pontevea e outra dun carro. A elección xustifícase pola temática dos cadros. Nun deles recóllese un referente patrimonial do Concello como é a ponte de Pontevea e no outro elementos da tradición rural de Teo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario