Psoe Negreira - resumo dos plenos do día 11

O Grupo Municipal Socialista de Negreira quere trasladar aos medios un resumo dos “ Plenos “ celebrados na tarde do 11 de febreiro de 2015. 

Resumo feito baixo a nosa óptica e punto de vista.

No Pleno convocado para ás 17 horas discutíronse e debatéronse dous puntos:

· No primeiro aprobouse, cos votos a favor do equipo de goberno e cos votos en contra do noso Grupo Municipal, un expediente extraxudicial de crédito por un importe de 569.456,14 €. É dicir recoñecéronse e aprobáronse facturas pendentes de pago do ano 2014 pola cantidade antes relatada. 

O noso Grupo manifestou sorpresa e estrañeza e sobre todo unha total e absoluta incomprensión ante tal barbaridade.

Case 100 millóns de pesetas en facturas do ano 2014 estaban ata o día de hoxe sen recoñecer, sen aprobar e por suposto sen pagar.

O goberno local dende o ano 2011 utilizou dúas máximas en política municipal: unha que o goberno anterior, o noso goberno deixou arruinado e con moitas débedas o Concello e dúas que eles ían facer unha xestión brillante e impecable das arcas municipais. Pois ben tanto unha como a outra é totalmente falsa.

Nin o concello quedou arruinado debido a nosa xestión, nin este equipo de goberno está a facer unha xestión boa cos cartos de todos. E o expediente extraxudicial de crédito aprobado hoxe é a mostra mais clara do que aquí dicimos.

Ter un exceso no orzamento do ano 2014 de case 100 millóns de pesetas é unha situación anómala e preocupante do noso concello.

É un disparate e un descontrol absoluto.

Tamén queremos dicir que ditas facturas non son debidas ao funcionamento da piscina climatizada, tal e como quixo manifestar a Concelleira do Contas e Facenda.

· No segundo punto aprobouse a participación no “ invento “ da Deputación da Coruña chamado PAI, Plan de Aforro e Investimento.

A Deputación da Coruña agora dedicase a xogar a ser unha entidade bancaria e vai prestar a tódolos concellos da provincia a cantidade de 25 millóns de euros.

Nós votamos en contra por que entendemos que si a Deputación dispón deses cartos, o que ten que facer é investilos nos concellos, non facer un préstamo a dez anos.

Non aceptamos que durante catro anos, dende a Deputación, se negue facer ningún tipo de mellora na estrada que une Negreira – Pontenafonso, en base a que non hai cartos para acometer dita obra, e agora pon a disposición dos municipios da provincia 25 millóns de euros. Cun millón e medio ou dous deses cartos facíase un segundo tramo da estrada nunhas condicións mais que óptimas.

Esiximos tanto á Deputación da Coruña como ao Alcalde do Concello de Negreira que dean explicacións ao veciños da parroquia de Lueiro, Arzón e Xallas por qué non se acometeu o arranxo de dita estrada nestes catro anos. Posto que a Deputación da Coruña conta con 25 millóns de euros para gastar.

Así mesmo queremos amosar publicamente o noso rexeitamento ao invento este da Deputación da Coruña e pedir que si o goberno provincial conta con esa cantidade de cartos, os invista nos concellos de menos de 20.000 habitantes directamente.

· Respecto ao segundo pleno non aceptamos a xustificación da urxencia do mesmo e moito menos aceptamos as formas coas que fomos notificados.

Non aceptamos que se nos notifique no mesmo día do pleno, para así non poder ver e estudar a documentación correspondente, e por iso non tivemos a ben permanecer no pleno e nos ausentamos.

Si non temos tempo para visualizar o expediente, non podemos ter unha opinión do que se vai tratar e moito menos podemos ter unha decisión de voto.

Estamos fartos de ser menosprezados e que se nos trate con desprezo por parte do equipo do goberno.

E o noso grupo municipal non vai aceptar mais este tipo de trato por parte do equipo de goberno.

Ningún comentario: