O Ateneo de Santiago, coa colaboración da USC, inaugura o vindeiro luns, día 9 de febreiro, ás 19,30h, no salón artesonado do Pazo de Fonseca a exposición “Que aflore o soterrado: O Forte de San Cristóbal, baluarte da represión franquista”.
Trátase dunha mostra sobre as condicións de vida no penal máis duro do franquismo, situado no monte Ezkaba, en Navarra, polo que pasaron máis de 4.000 presos republicanos, moitos dos cales sucumbiron no forte. En maio de 1938 algo máis de 700 presos, case a terceira parte galegos, decidiron non aturar máis e emprenderon unha fuga que causou máis de 200 mortos, 55 galegos.
Forma parte da exposición o chamado “Cementerio de las Botellas”, pola forma en que, mediante papeis cos seus nomes introducidos en envases de vidro, os presos identificaban aos seus compañeiros falecidos. O máis sorprendente e descoñecido é a alta presenza de republicanos galegos (608), case todos condenados a cadea perpetua, dos cales 96 morreron no forte e foron soterrados en foxas comúns.
A exposición estará aberta do 9 de febreiro ao 2 de marzo, en horario de luns a sábado de 11 a 14h e de 17 a 20,30h. Paralelamente, irá acompañada de conferencias, mesas redondas e proxección de documentais.
Con este motivo, o Ateneo de Santiago convoca unha rolda de prensa aos medios que queiran afondar nesta información, o sábado día 7 de febreiro, ás 12,30 h, no Salón Artesonado do Pazo de Fonseca. Nela estará o principal historiador do Forte de San Cristóbal, Koldo Pla Larramendi e directivos do Ateneo de Santiago.
Ningún comentario:
Publicar un comentario