Alternativas de circulación no Milladoiro
Parece que a semana pasada o alcalde Ames foi ao Ministerio de Fomento, en busca dunha solución ao intenso tráfico que sofre a N 550 ao seu paso polo núcleo urbano do Milladoiro. Parece ser que se equivocou de 'ventanilla' xa que levaba a alternativa de derivar o tráfico pesado pola autovía Santiago-Brión, e no Ministerio lle recordaron que esta vía é de titularidade autonómica. Esta proposta leva consigo un desvío de 7 Km, para volverse a reincorporar á N 550 á altura das Galanas. Nada di de como os vehículos que van dirección Santiago poderían crear un importante concentración e atasco continuado na curva das Galanas, ou da perigosidade da baixada á rotonda de Pardiñas para vehículos pesados, ou como os vehículos pesados que van ás instalacións comerciais situadas no concello de Teo despois do Milladoiro terían un difícil xiro na incorporación á N550, ou como esa “alternativa" non soluciona o tráfico pesado orixinado polo Polígono do Milladoiro e que discorre hoxe e día xa por vías urbanas do Milladoiro.
Desde o grupo municipal de Ames Novo demandamos unha solución global que pase pola desaparición da peaxe no tramo Santiago-Padrón da AP 9 cunha nova saída no polígono da Picaraña, habilitar unha vía de circunvalación que derive o tráfico con destino ou con orixe nas localidades do concello de Teo, e unha saída do Polígono Industrial do Milladoiro á autovía Santiago-Brión sen pasar polas vías urbanas. Só con esta triple actuación se pode facer diminuír o inxente tráfico da N 550 ao seu paso polo Milladoiro, que non é, nin moito menos, só un problema de tráfico pesado. As dúas primeiras si son competencia do Ministerio de Fomento, e a última de competencia autonómica que precisaría un acordo co goberno “amigo” de Santiago de Compostela e non tería un custo excesivo, pero o noso alcalde non é que teña falta de iniciativa, é que nin sequera explora as posibilidades das alternativas de solución que se lle ofrecen a graves problemas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario