O PSdeG ven de presentar no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para que sexa debatida en Comisión sobre as inundacións que se producen na estrada de Bertamiráns a Covas.
Esta é unha reclamación que levan tempo realizando os veciños e veciñas da parroquia de Covas, na que se queixan de que desde a construción da autovía Santiago-Brión se veñen producindo anegamentos na estrada de comunicación da localidade con Bertamiráns. Os socialistas de Ames, pola súa banda, e facéndose eco destas proptestas xa teñen realizado varias preguntas no pleno da Corporación, ademais de presentar xa unha emenda aos orzamentos da Xunta de Galicia para este ano na que pedían 500.000 euros para o arranxo destas deficiencias na canalización.
Visita co parlamentario autonómico Xosé Sánchez Bugallo
O pasado sábado o portavoz e candidato á alcaldía de Ames, José Miñones, e o concelleiro Blas García acudiron ao viaducto de Covas acompañados do parlamentario autonómico Xosé Sánchez Bugallo e de varios membros da asociación de veciños para comprobar “in situ” as deficiencias existentes, concluíndo que o problema son os desniveis existentes e a deficiente canalización.
Tal e como afirman os socialistas na Proposición non de Lei presentada “os desniveis e a amplitude de espazos existentes a cantidade de augas pluviais recollidas en tempos de choiva é moi importante, especialmente no lateral esquerdo en dirección a Brión. Durante a construción da autovía conectáronse as augas recollidas a un pequeno regato dunhas dimensións aproximadas de metro e medio na embocadura e un metro de profundidade.
Os problemas xorden a consecuencia de que este regato cruza a estrada Bertamiráns-Cobas a través dun tubo instalado pola empresa concesionaria dunhas dimensións aproximadas de 30/40 cm de diámetro. Polo tanto, suficiente cando non chove pero que cando o fai con intensidade e sobre todo durante varios días consecutivos a auga reborda por riba da estrada facendo moi perigosa a circulación e incluso contándoa, obrigando aos veciños destas parroquias a dar unha volta de varios quilómetros para ir á capital municipal onde están radicados colexios, institutos, centros de saúde, postos de traballo, etc.”
A proposición que se levará ao Parlamento de Galicia e que elaborou o parlamentario Xosé Sánchez Bugallo solicita que sexa o Goberno galego o que lle requira á entidade concesionaria da autovía Santiago-Brión que proceda a subsanar con carácter urxente estas deficiencias.
Pola súa banda e dado, ademais, que a estrada afectada é municipal os socialistas amesáns presentarán tamén un escrito no concello reiterando os problemas que sofre esta vía de comunicación e as dificultades que lle ocasiona aos veciños e veciños de Covas, e solicitará que desde o Goberno municipal se inste á Xunta de Galicia para que se arranxen estas deficiencias.
Psoe Ames - Iniciativa parlamentaria sobre o viaducto de Cobas
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario