BNG Teo - Comeza a elaboración do programa electoral

O BNG de Teo comeza a elaborar o seu programa electoral para as municipais e para isto vai poñer en marcha a campaña “O BNG quere escoitarte. Facemos o programa entre tod@s. Expresa as inquedanzas e fai propostas” con asembleas abertas en todas as parroquias do concello.

O luns 9 de febreiro coa convocatoria na casa común “Marisa Mirás” de Calo comezan os encontros abertos aos veciños e ás veciñas para que poidan expresar as súas propostas para incorporar ao programa electoral das eleccións municipais.

O portavoz municipal, e candidato á alcaldía, Manuel Anxo Fernández Baz, manifestou que “tal e como se acordou nas asembleas abertas celebradas, iniciamos unha campaña de contacto directo coa veciñanza recorrendo as 13 parroquias do concello para debater cos veciños e as veciñas e recoller e incorporar ao programa de goberno as propostas que realicen”, neste sentido subliñou que “o BNG ten previsto convocar 19 encontros para coñecer de primeira man as inquedanzas d@s teenses”. 

Por outra banda, o candidato nacionalista destacou que “o BNG concorre a estas eleccións para retomar o cambio iniciado en 2007 que se viu paralizado en 2012, e para isto é fundamental contar con todos os veciños e as veciñas do noso concello”.

Ningún comentario: