A nova formación política VECIÑOS de Padrón presentarase as eleccións municipais do 24 de maio coa idea de facerse co goberno do Concello de Padrón. O partido, que está conformado por Pedro Paz Rubí como presidente, Aroa Cruces Duyos como vicepresidenta, Teresa Rey Pazos como secretaria, Rodrigo Casal García como tesoureiro e Sergio Tubío Agrasar como vocal; xorde como unha iniciativa que pretende recoller o consenso da rúa e o seu descontento xeral coa xestión do pobo, que ata o momento non evolucionou como debería telo feito polo seu potencial.
Deste xeito, coa idea de traballar para converter Padrón nun concello vivo, VECIÑOS quere presentarse aos padroneses como un partido diferente ao resto. Diferenzas que veñen marcadas por uns obxectivos claros de transparencia, proximidade, accesibilidade e independencia económica que se basean no rexeitamento da confrontación, no sentido común na xestión dos recursos e na busca do consenso e o diálogo polo pobo.
A listaxe electoral, que polo momento non está pechada, farase pública durante o acto de presentación do partido que se celebrará proximamente no municipio. Dela formarán parte persoas de diferentes ideoloxías, pois a idea é conseguir un conxunto heteroxéneo sen máis interese que traballar por e para Padrón.

Ningún comentario:
Publicar un comentario