No Pleno celebrado onte, xoves 29 de xaneiro de 2015, aprobáronse dúas mocións presentadas polos Socialistas de Teo, dun carácter moi diferenciado.
Na primeira, ínstase ao goberno local á redacción dun novo Plan de Igualdade do Concello de Teo. Como sinalou a concelleira socialista, Uxía Lemus, o II Plan de Igualdade terminou a súa vixencia en decembro do ano pasado, polo que agora toca a avaliación tanto cualitativa como cuantitativa do mesmo, mais un informe final de avaliación que servirá de base para o novo documento.
A concelleira lembrou que nos actuais momentos de crise, xustifícase o paso do obxectivo da igualdade a un segundo plano, fronte ás necesidades de xustiza socioeconómica, cando a igualdade en si, debe ser o principio básico de funcionamento social.
Na segunda moción, presentada pola vía de urxencia, Uxía Lemus solicitou a comparecencia do concelleiro de Urbanismo, Rafa Sisto, trala sentenza do Tribunal Supremo na que se anulaba parcialmente o PXOM de Teo, e na que se dicía que as irregularidades administrativas foron de tal calado que podería ser “determinante de la nulidad de pleno derecho de este instrumento de ordenación”.
A concelleira socialista explicou cales eran os puntos que entendían debían ser aclarados polo concelleiro de Urbanismo desde ao ano 2007, na súa comparecencia ante o Pleno en febreiro do 2015.
En primeiro lugar, cal foi o seu grado de responsabilidade/irresponsabilidade na redacción e na tramitación do PXOM, que foi aprobado no Concello en abril do 2010 cos votos a favor do BNG de Noriega e Sisto, do PP de Armando e de InTeo de Parajó.
En segundo lugar, se o concelleiro de Urbanismo considera unha boa nova esta sentenza, e entende que hai que felicitar aos veciños pola mesma, Sisto debe aclarar por que durante 4 anos, os avogados que representaron ao Concello tanto ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia como ante o Tribunal Supremo, defenderon o contrario ao solicitado por estes veciños.
Finalmente, se conforme as declaracións de Sisto desta semana non apoiaron nunca este polígono de Montouto, agora anulado polo Supremo, o concelleiro debe concretar primeiro en que momento deixou de defendelo, cando hai documentos dos anos 2009-2010-2011 que acreditan que era a súa prioridade urbanística e segundo cal vai ser o futuro deste solo, agora sen regulación normativa.
Os Socialistas de Teo entendemos que mais alá das declaracións públicas do responsable de Urbanismo desde o ano 2007, cunha auto-exoneración da responsabilidade, aderezada con felicitacións á veciñanza tras 4 anos de loita xudicial contra a tramitación municipal e autonómica do PXOM, Rafa Sisto debe explicar na súa comparecencia no Pleno do mes de febreiro, como xustifica o que o Tribunal Supremo cualifica como “PROCEDER MANIFIESTAMENTE ILEGAL DE LA ADMINISTRACIÓN URBANÍSTICA”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario