Santiago - Teatro e música na programación de hoxe na cidade

A programación cultural do Concello de Santiago na xornada de hoxe ofrece espectáculos diferentes de teatro e música. Diego Freire en ‘Falándolle a un espello’. e Mofa e Befa con "bobas & galegas". E pecha a xornada o concerto de Juan Zelada na Sala Capitol dentro do ciclo Blues Nite by 1906.

‘Falándolle a un espello’ con Diego Freire na Zona C

Producións Dispersas ofrece este espectáculo na Zona C con Diego Freire e baixo a dirección de José Campanil. Está enmarcado dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués. Pola mañá haberá función para escolares ás 12.00h a un prezo de 3,6€ e xa pola tarde a función será ás 20.30h. Está dentro do bono e as entradas soltas teñen un prezo de 8 euros. Poden mercarse no despacho de billetes do Principal aberto de 18.00 a 21.00h ou na Zona C desde unha hora antes de que comece.

Un home descobre que é o único sobrevivente da fin do mundo. O planeta enteiro está a súa disposición! Un novo mundo só para el! Cheo de oportunidades e retos! O seu único compañeiro é un espello non demasiado conversador. Inevitablemente as ausencias comezan a evidenciarse moi pronto e as vellas rutinas vanse substituíndo por outras novas. Que pode facer? Onde pode ir?

Mofa e Befa con ‘Bobas & Galegas’ no Teatro Principal

No Teatro Principal teremos unha nova función do último espectáculo de Mofa e Befa, ‘Bobas & Galegas’, que tamén están dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués. Se se queren mercar as entradas soltas teñen un prezo de 10 euros (8 no anfiteatro) e poden adquirirse no despacho de billetes do Teatro Principal que abre desde as 18.00h.

Mofa&Befa son dous comediantes de investigación que xa levantaron escandalosos casos de corrupción política, marxinación social, trauma infantil, crise económica, torturas, actividades mafiosas, minorías, infidelidades, dieta equilibrada... Temas de candente actualidade que expoñen ao xuízo do público en espectáculos de aspecto teatral. Agora a súa vítima é o inocente teatro do Século de Ouro castelán. As comedias da honra e o amor, os dramas relixiosos, o luxo festivo das buxigangas… todo é pasado pola pedra de Mofa&Befa. Tal vez por isto foi a obra seleccionada para abrir o Festival de Almagro 2014 no Corral de Comedias. Ou non…

Juan Zelada na Sala Capitol dentro do Blues Nite by 1906

Pechamos a xornada co concerto de Juan Zelada que nos ofrece o seus blues, funk e soul de autor na Sala Capitol dentro do ciclo Blues Nite by 1906. Será a partir das 21.30h e as entradas teñen un prezo de 8 euros anticipada e 10 o día do concerto. As entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, A Reixa Tenda, Ticketea e salacapitol.com. Está dentro do Bonoblues.

Inquedo cantante, músico e compositor madrileño, Juan Zelada aterrou en Londres en 2008 coa súa guitarra (tamén é pianista) e moitas ganas de facer música… Presentouse en numerosas salas da capital británica e xa ese mesmo ano chegou a xirar como teloneiro de Amy Winehouse no seu Back to Black Tour. Ganador do European Border Breakers Award 2013, a principios de 2014 embarcouse nunha viaxe por Latinoamérica coa súa guitarra na busca de experiencias e novos sons que compartiu na rede (awaywithmusic.com) e que poderemos apreciar en directo nesta presentación do seu recente terceiro álbum de longa duración Back on track. Co seu enérxico directo no que mestura o soul de toda a vida e harmonías de jazz e blues debuxadas co espírito dun cantautor viaxado, Juan Zelada pode espertar a súa sensibilidade e reavivar os seus sentimentos.

Ningún comentario: