A empresa adxudicataria do mantemento eléctrico en Brión garante a seguridade da farola da urbanización Montebalado que resultou danada por un accidente de tráfico hai uns días. Unha certificación que se engade aos traballos realizados previamente polos servizos de emerxencias brioneses no momento do accidente para garantir a seguridade na zona.
Grazas ao traballo da Policía Local e á colaboración dos veciños e veciñas da zona, o causante do accidente foi identificado, polo que xa se procedeu a informarlle das súas responsabilidades e da obriga que ten de asumir o custe de reparación da instalación. “Nestes momentos xa se procedeu á notificación e esperamos chegar a un acordo amigable”, explica o alcalde Xosé Luís García, “pero de non conseguilo presentaremos denuncia no Xulgado e procederemos a arranxar a farola”.
Alarmismo inxustificado do PP
O alcalde brionés lamenta que o Partido Popular “pretenda alarmar á veciñanza cando se trata dunha situación na que non se corre ningún tipo de perigo, pois a farola está estable, segundo nos informaron os técnicos da empresa encargada do mantemento do alumeado público en Brión. É certo que o seu aspecto non é o ideal, polo que a imos arranxar, pero outra cousa é tratar de xerar unha alarma inxustificada entre os veciños só polo feito de que se acheguen unhas eleccións”.
Neste sentido, García indica que “cando un é un representante público, ou aspira a selo, o responsable é informarse primeiro da situación e denunciar despois” e lamenta que o PP “volva a esa política do todo vale, que levou a cabo durante a pasada lexislatura. Esperemos que teñan algo máis de sentidiño e non sigan por un camiño que todos os veciños e veciñas de Brión xa temos visto cara onde conducía”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario