A concelleira de Cultura, María Antón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron onte o seguinte espectáculo do Bono de Teatro Galego e Portugués: ‘Bobas & Galegas. Mofa e Befa no Século de Ouro’. Na rolda estiveron acompañados dos dous protagonistas do espectáculo, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira; o director musical, Fernando Reyes; así como polo director do mesmo, Quico Cadaval. En total serán catro funcións, do mércores 4 ao sábado 7 de febreiro, no Teatro Principal e ás 20.30h. O espectáculo entra no Bono de Teatro Galego e o prezo das entradas soltas será de 10 euros (8€ no anfiteatro). Poden mercarse no despacho de billetes do Principal aberto de 18.00 a 21.00h.
Mofa&Befa é un comando de comedia contemporánea que comprobou as súas armas nos máis hostiles campos de batalla como bares, universidades, festivais vascos e/ou de teatro clásico, resultando sempre con simples rabuñaduras ou feridas leves.
BOBAS&GALEGAS é un percorrido gozoso polos argumentos, ocupacións, preocupacións e industrias dos criados do século de Ouro, clase social que, de todos os traballadores manuais, foi a que contemplou dende máis cerca o poder, o seu ouropel, a súa erótica e a súa vaidade.
MOFA&BEFA cáense con todo o seu instrumental de pallasos nocturnos nun camiño solitario do século XVII castelán. Servindo a un tópico equivalente ao da aptitude natural dos negros para a danza, o galego demostra un talento natural para a obediencia e o servizo. Isto , que o faría idóneo para a práctica das armas, está beneficamente atenuado pola covardía, virtude que o empuxa ao máis incruento campo do servilismo e a curvatura lumbar.
Cando Mofa&Befa chegan aos áureos pazos de Madrid e Sevilla, fuxindo das guerras e da fame climática da súa terra, só valorados pola súa discreción, o seu descoñecemento do idioma, que ás veces pode parecer idiotez, polo seu cumprimento irreflexivo e amoral das tarefas encomendadas e unha vontade de servir que non sempre resulta utilitaria.
BOBAS & GALEGAS
Unha persoa, que quere manter o seu anonimato, propón a Mofa&Befa e aos seus cómplices habituais, que realicen unha operación parecida a SHAKESPEARE PARA IGNORANTES cos clásicos casteláns do Século de Ouro que serven de alimento e coartada ao hedonista festival de Almagro. Os grandes (e os pequenos) do teatro español poden prover a dous cómicos cínicos, díscolos e cósmicos como Mofa&Befa de tanto material e, quizais, de máis detonante teatralidade que a escena isabelina. Os cómicos aceptan o desafío inspirados polo académico epígrafe de Tontas e Galegas, que lles servirá de motor de busca. A principal diferenza estrutural con SHAKESPEARE PARA IGNORANTES é a desaparición física do antagonista. O erudito a bater xa non está en escena e os comediantes disparan na escuridade. Os personaxes sobre os que xirará a aventura son os criados e outros roles utilitarios. Os criados do Século de Ouro español son os personaxes máis matizados, máis complexos, máis reais e máis perspicaces de toda a nómina teatral da feliz escena da corrala e do xardín barroco. Asisten e acompañan as peripecias dos seus amos cunha capacidade extraordinaria para facer e contemplar as súas accións ao mesmo tempo. Os criados do século de Ouro exploran ata a minucia os bieses, as dobreces e as nouances infinitas que ten a relación amo-criado, as relacións de dominación, vasalaxe, humillación, complicidade, ambigüidade, osmoses, mimeses, simbiose, parodia e a inevitable inversión de roles que sempre aparecen nas boas comedias, e que desde a inocencia fálanos da igualdade esencial dos seres humanos, idea impronunciable en aqueles tempos por outro medio que non fose o teatro.
A conciencia da súa propia teatralidade converte a estes servos en condutores perfectos da ficción. Podemos recordar os criados de O Máxico Prodixioso que se converten nunha sorte de locutores deportivos prestos a narrar o martirio dos seus amos, ata que se dan conta do perigo que corren de ser tamén protagonistas dunha morte gloriosa, por unha cuestión retórica, non de convicción. Saben, como se pronuncia en O Galán Fantasma, que os criados deben acompañar a os seus amos a calquera lugar que vaian, aínda que sexa tan pouco apetecible como a gloria eterna. Estes criados de mártires cristiáns son os primeiros insubmisos explícitos a esa condición de animal doméstico que se lle supón ao criado. Outro dos temas que aparecerán no espectáculo será o do Amor, forte asunto. Ao acompañar a criada á dama e o criado ao galán, automatizan, mimeticamente unha relación amorosa, e non hai nada máis cómico que mostrar o que hai de autómata nun sentimento tan singular e prestixioso como o amor. Os señores aman e os servos van “a onde vai a xente”. Hai algunha comedia onde , ao cambiar o amo de dona, abandona o seu criado á súa moza anterior sen pasar os rituais da ruptura ou o desamor. Nestes tempos, tamén aparece a democratización do amor, que se consideraba unha actividade de ocio, propia, por tanto, de señores, e neste momento aparecen, ardentes serventas e menestrais que aman e requebran como propios Garcilasos. E isto, que os pobres amen, é trama cómica por moito que nos pareza natural agora.
O servilismo, con estes fenómenos, pasou de ser unha lacra social a un arte. Os autores do corral castelán comprácense mostrando como o criado aprende e mostra a superficie da súa humillación e mantén, para o seu foro interno e os seus apartes ao público, unha magnífica soberanía que defende heroicamente seguindo a máxima cervantina “Baixo a miña capa, ao rei mato” ou o refrán popular galego “Na miña pirola non manda ninguén”. Aliado co público, que por convención acepta que o servo vale sabe máis que o amo, o criado manipula a acción e manda como un paternalista director de escena que soamente admira do seu amo, do seu actor, o vestiario e a beleza da voz. Esta inversión, esta especie de xustiza poética social ou loita de clases incruenta, este “que saiba mandar o criado, que o bo amo saiba obedecer” foi fonte de praceres para o público.
Todos estes criados foron necesarios precedentes de Sganarelle, de Jacques, do servidor de dous amos, do criado Matti, do servente de Losey e de todos os ganapans que atravesaron a historia do teatro e da imaxinación humana depositada na confusa conciencia dos comediantes, eses que non sabemos desde onde veñen, “do lugar máis próximo” din eles, nin a onde van, “ao sitio máis cercá” din eles.
Ningún comentario:
Publicar un comentario