Hai un ano, entraba en vigor a prohibición de transito de vehículos pesados pola estrada Ordes-Cerceda , decretada polo Alcalde de Ordes, Manuel Regos,.
O portavoz nacionalista, Ramiro Recouso Liste, manifesta que “Regos en ningún momento soubo conducir a solución deste problema porque non está á altura do cargo que ostenta. Esta prohibición provocou que todo o tráfico que se dirixe ás instalacións de SOGAMA circule agora polo centro da Vilar de Ordes, castigando duramente a rúa do Recreo que comeza a sufrir desperfectos importantes.”
A preguntas formuladas polo grupo municipal do BNG no pasado Pleno Ordinario de xaneiro, “Regos recoñeceu que o pasado 25 de abril de 2014 estaba convocado a unha reunión na Consellaría de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio para falar da solución desta problemática que xa hai moitos anos que demanda unha solución”
Ramiro Recouso lembra que “Regos recoñeceu que rexeitou asistir a esa reunión porque coincidía coa inauguración de Expoordes 2014, pero tampouco delegou en ningún membro do seu goberno a representación do Concello. So os ten pra levantar a man nos Plenos. Tamén podería delegar noutro edil as funcións para inaugurar Expoordes, e así poder acudir a esa ineludíbel reunión. Tampouco, porque non sairía nas fotos”
O BNG, considera “inadmisíbel que por saír nunha foto se desatenda un problema que sofren os usuarios desta estrada dende hai moitos anos. Que provoca importantes prexuízos económicos aos veciños que viven no entorno da mesma e que está afastando aos veciños de Cerceda da Vila de Ordes, o que provoca que acudan a outras localidades a facer as súas compras, e non visiten os comercios de Ordes”
Para o BNG é “intolerábel que un alcalde na vez de solucionar problema, xeraos. Despois dun ano de prohibición da circulación, a estrada de Cerceda segue sen amañar e agora os camións circulan polo centro da Vila, con todas as consecuencias que iso provoca”
Ningún comentario:
Publicar un comentario