.

.

O tren turístico promociónase entre as familias con "Santiago para peques en tren"

Santiago, 26/08/2016 - A concelleira de Turismo, Marta Lois, presentouSantiago para peques en tren, novo folleto promocional que se repartirá gratuitamente aos nenos e nenas que suban ao tren turístico. O obxectivo de Turismo de Santiago con este novo material é continuar promocionando a cidade como un destino familiar.
O tren turístico é unha das actividades que permite ás persoas que visitan Santiago coñecer os principais puntos da cidade para logo saber a onde dirixirse en función dos seus intereses. O percorrido do tren turístico comeza e remata na praza do Obradoiro e traza un circuíto circular de 45 minutos.

O tren turístico tamén é un atractivo para os/as máis peques, xa que lles permite vivir unha "aventura" ao tempo que van descubrindo a historia da cidade. Actualmente, arredor do 15% das persoas usuarias do tren turístico teñen entre 4 e 12 anos. O obxectivo é que esta cifra poida aumentar a curto e medio prazo facendo a viaxe máis divertida e didáctica.

Santiago para peques en tren vai dirixido precisamente ao público infantil de entre 4 e 12 anos. Trátase dun folleto visual editado en galego, castelán e inglés, no que se recollen ilustracións e pequenas descricións de 15 lugares da cidade, seguindo o percorrido que fai o tren turístico.

O folleto comeza na praza do Obradoiro e ilustra algúns dos atractivos máis destacados da cidade, coma o convento de San Francisco, a Alameda, a igrexa da Universidade, o Mercado de Abastos, a Porta do Camiño, o convento de Bonaval, o convento de Santa Clara ou o Parque da Música no Auditorio.

Santiago para peques en tren enmárcase dentro da estratexia de Turismo de Santiago de promocionar a cidade coma un destino familiar, que presta especial atención a nenos e nenas. As posibilidades que ofrece á cidade ao público infantil recóllense nun apartado específico da web de promoción e información turística da cidade: santiagoturismo.com/santiago-para-peques
Publicar un comentario